Europa e o Mediterráneo
Barcelona
RAMON LLULL EN BARCELONA
Os pais de Ramon Llull naceron en Barcelona, a onde el viaxou con frecuencia facendo escala nas súas numerosas viaxes. Crese que en 1265 tivo alí un encontro con San Ramón de Peñafort, que o disuadiu de trasladarse a París para aprender gramática e outras ciencias tal como el tiña planeado; así é que cambiou de plans e embarcouse cara á súa Mallorca natal.
En maio de 1294 viaxa de novo a Barcelona dende Nápoles, a onde regresa en xullo. No período comprendido entre 1297 e 1299 acode de novo á Cidade Condal, esta vez procedente de París, para probar nas sinagogas barcelonesas a eficacia do seu Art cos xudeus. Nesta estancia dedica un Dictat a Xaime II o Xusto, rei de Cataluña e Aragón, e ofrécelle o libro Oracións, dedicado tamén á raíña Blanca de Anjou. Trasládase de novo a Barcelona en 1305 para obter o apoio de Xaime II o Xusto no seu proxecto de cruzada a Al-Ándalus; o rei queda entusiasmado coa idea e ambos parten de Barcelona cara a Montpelier, onde tentarán convencer ao papa Clemente V, que está de paso pola cidade.
BARCELONA, ENTÓN E AGORA
Barcelona foi, durante a Baixa Idade Media, sé dos condes de Barcelona e reis de Cataluña e Aragón. En tempos de Ramon Llull a coroa catalano-aragonesa estaba experimentado un importante proceso de esparexemento territorial (conquista de Mallorca en 1229 e de Valencia en 1238), abandonando definitivamente as aspiracións occitanas. A Cidade Condal constituía un importante núcleo estratéxico, estreitamente conectado comercial e politicamente con todo o Mediterráneo occidental.
Barcelona conta cun destacado Barrio Gótico que se edificou sobre e ao redor da antiga Barcino romana, cuxas murallas se conservan nalgúns puntos. Preto da praza Sant Jaume, situada no centro da cidade antiga, atopamos diversos edificios que son testemuña dos tempos de Ramon Llull: por exemplo a catedral (1298-1454), o palacio real (documentado en 1116 como «Palau Reial Major»), o Call (barrio xudeu) ou as murallas que naqueles días protexían a cidade.