Europa e o Mediterráneo
Chipre
RAMON LLULL EN CHIPRE
Cun ano de atraso, Ramon Llull recibiu en Mallorca a noticia da invasión de Terra Santa por parte das tropas tártaras de Kasán de Persia. Decidiu entón (1301) viaxar a Chipre, co desexo de vivir de primeira man os cambios xeopolíticos que se estaban producindo no Mediterráneo oriental e que parecía que ían significar a expulsión dos musulmáns de Xerusalén.
En Nicosia Llull debate cos «infieis» da illa (monofisitas, nestorianos e outros), co permiso de Enrique II de Lusignan, rei de Chipre e de Xerusalén. Non consegue, así e todo, a autorización real que esperaba para ir converter ao sultán de Babilonia e ao rei de Siria e Exipto. En Vita coetanea conta que un clérigo e un criado cos cales convivía trataron de matalo con algún veleno para roubarlle os seus bens; entón Llull, convalecente, decide fuxir á localidade de Famagusta, na costa oriental da illa, onde traballará no Llibre de natura (‘Libro de natureza’). Posteriormente instálase en Limassol, no sur, onde o mestre templario Jacques de Molay recíbeo con gran cordialidade e ofrécelle hospedaxe na súa casa ata que recupere a saúde; esa amizade abriralle as portas da Armenia Menor ou Cilicia, cuxo rei era aliado dos templarios. No mosteiro chipriota de San Xoan Crisóstomo escribiu a Retòrica nova (‘Retórica nova’).
CHIPRE, ENTÓN E AGORA
Chipre é unha illa do Mediterráneo oriental que na actualidade está dividida entre a parte suroeste, administrada por Grecia (onde predomina a relixión cristiá ortodoxa), e a parte nordés, administrada por Turquía (de maioría islámica). O seu nome (Kypros en grego) está relacionado coa palabra cobre (cyprum en latín) debido á existencia, na antigüidade, de importantes minas dese metal na illa. Foi dominada sucesivamente polos romanos, os bizantinos e os árabes. Entre 1192 e 1489, a dinastía dos Lusignan, monarcas de ascendencia francesa, gobernou o Reino de Chipre; entre eles atópase Enrique II, rei de Chipre e de Xerusalén, co cal tivo contacto Ramon Llull. Naquel tempo Chipre constituía unha base fundamental para as relacións comerciais e políticas de Europa con Asia e con África oriental.
En canto ao patrimonio arquitectónico, en Chipre destacan as igrexas pintadas de Tróodos, declaradas Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (1985 e 2001); trátase de nove igrexas e un mosteiro con pinturas murais de iconas bizantinas. O seu bo estado de preservación é debido ao seu illamento no macizo montañoso de Tróodos, situado no interior, a onde os piratas non adoitaban chegar nos seus frecuentes ataques á costa.