Filósofo e científico
De mozo, Llull non se formou na escolástica propia das universidades medievais. En realidade era autodidacta. Foi un dos primeiros intelectuais europeos que escribiron sobre filosofía, teoloxía e ciencia en lingua vulgar (catalán, no seu caso). Investigador, divulgador, polemista e conciliador.
Realiza achegas metodolóxicas en astronomía, xeometría, física, medicina, etc., disciplinas que formula como novas á luz da Ars. Foi precursor do sistema combinatorio (considerado hoxe como a base conceptual da informática) e do holismo (ciencias interdisciplinares e integración das ciencias), que defende no Arbre de la ciència (‘Árbore da ciencia’).
Rexeitou as ciencias puramente fantásticas ou esotéricas como a alquimia e, non obstante, deu protagonismo a unha astronomía moi próxima á astroloxía, así como á cábala hebraica. O seu pensamento pode ser cualificado de utópico por incorporar unha vontade decidida de construír un mundo mellor.