Europa e o Mediterráneo
Mallorca
RAMON LLULL EN MALLORCA
Ramon Llull naceu en Palma en 1232 ou 1233 e, segundo a lenda, morre fronte ás costas mallorquinas en 1316. Era fillo dunha distinguida familia barcelonesa que acompañara ao rei Xaime I o Conquistador na toma da illa poucos anos antes (1229). Casou en Mallorca (1257) e alí tivo, en 1262, a iluminación que o impulsou a imprimir un cambio radical na súa vida; en 1265 peregrina a Rocamadour e a Santiago de Compostela para volver á illa onde permanece polo menos ata 1274.
No transcurso dunha vida intensamente viaxeira, recala na súa illa natal en diversas ocasións. En 1276 funda o colexio misional de linguas orientais en Miramar, na costa norte. En 1299 decide volver, despois de vinte anos de ausencia, e tenta converter aos musulmáns de Palma que aínda mantiñan a súa relixión. En 1300 escribe en Mallorca Cant de Ramon; ao ano seguinte embarca dende a súa terra camiño do afastado Chipre. En 1307 sae de Palma rumbo á cidade alxerina de Bugía. Entre os anos 1312 e 1313, fai unha nova estancia na illa durante a cal escribe Art abreujada de predicació; outorga testamento en abril de 1313, antes de marchar cara a Messina (Sicilia) ao mes seguinte. Morre con 83 ou 84 anos a bordo do barco que o trae de Tunes cara a Mallorca; a súa tumba está na basílica de Sant Francesc, en Palma. Ramon Llull identificouse sempre como «catalán de Mallorca».
MALLORCA, ENTÓN E AGORA
Mallorca é a maior das Illas Baleares. O cónsul romano Quinto Cecilio Metelo, que ocupara a illa, fundou a súa capital, Palma, no ano 123 a.C. Despois de que os vándalos a invadiran, a illa estivo baixo dominio bizantino. No 902 pasa a mans dos musulmáns. A era cristiá comeza en Mallorca coa conquista por parte do rei catalano-aragonés Xaime I o Conquistador, en 1229. Trala súa morte (1276), o seu fillo Xaime II queda como rei de Mallorca, conde do Rosellón e a Cerdaña e señor de Montpelier.
En Mallorca apenas se conservaron monumentos islámicos debido á contundencia da conquista, que supuxo un relevo de poboación maioritario e unha substitución cultural absoluta; unicamente se conservan, en Palma, uns baños árabes, un arco portuario e algúns fragmentos de muralla. Polo que respecta á arquitectura cristiá medieval, Palma pode presumir dun centro gótico de gran valor que inclúe a catedral («A Seu»), dos séculos XIII-XVI, coa segunda nave gótica máis alta de Europa; o palacio da Almudaina (reedificado no século XIV sobre a antiga Suda islámica); o castelo de Bellver (primeiro castelo circular de Europa e único de España); o convento de Sant Francesc; as igrexas de Sant Miquel, de Santa Eulàlia e outras.