Europa e o Mediterráneo

 

Montpelier

RAMON LLULL EN MONTPELIER

Ramon Llull recalou en Montpelier en varias ocasións para visitar a Xaime II, rei de Mallorca, conde do Rosellón e a Cerdaña e señor de Montpelier, que tiña nesta cidade a súa residencia habitual. Llull realiza a súa primeira viaxe á cidade en 1275 co obxectivo de pedir axuda ao entón aínda príncipe para a construción dun colexio de linguas orientais en Miramar (Mallorca). En 1283 atopámolo de novo en Montpelier, onde escribe o Ars demonstrativa e a parte principal de Blanquerna. En 1289 redacta, tamén en Montpelier, o Ars inventiva veritatis e entrevístase co ministro xeral da orde franciscana, Ramón Jofré (o Gaufré), o cal ao ano seguinte outorgará a Llull o permiso para visitar os conventos franciscanos de Roma e da Pulla (sur-leste de Italia).

Instálase de novo na cidade provenzal entre outubro de 1303 e febreiro de 1304; é entón cando escribe a Disputatio fidei et intellectus, quizais lembrando as aínda recentes discusións de Chipre e Armenia Menor (1301-1302). Despois dunha escapada dun mes a Xénova, redacta o Liber de ascenso et descensu intellectus e o Liber de fine, rematado en 1305. Dende maio de 1308 ata o outono de 1309 Llull refúxiase de novo en Montpelier, a onde volve en maio de 1312 para, en xullo, viaxar á súa Mallorca natal. O seu maxisterio en Montpelier, cidade universitaria, é importante; porén, o que máis impresiona é o número de obras que alí escribe: corenta.

 

MONTPELIER, ENTÓN E AGORA

Montpelier é a capital do departamento do Hérau, na rexión do Languedoc-Roussillon, no sur de Francia. Está situada a doce quilómetros da costa. A súa orixe non é romana; fundouse entre os séculos VIII e X e adquiriu unha grande importancia comercial durante a súa vinculación histórica á coroa catalano-aragonesa (1204-1350). Foi a cidade natal de Xaime I o Conquistador, que a considerou «a mellor cidade do universo», e residencia habitual do seu fillo, Xaime II, rei de Mallorca. A partir do século XII Montpelier obtivo gran renome polo comercio de especias exóticas e pola elaboración dun viño con especias, o garhiofilatum. En 1382 a cidade incorporouse definitivamente á coroa francesa.

Na Idade Media, Montpelier estaba rodeada por unhas sólidas murallas que o cardeal Richelieu (1585-1642) mandou derruír; daquel recinto medieval consérvanse a torre dos Piñeiros (séculos XII-XIV) e a da Babota (século XIV). A catedral de Saint-Pierre (século XIV) presenta dúas torres características. A universidade de Montpelier, fundada no ano 1220, é unha das máis antigas de Francia (especialmente a súa facultade de Medicina); acollía a sabios de todas as confesións e por ela pasaron Nostradamus, François Rabelais, Arnau de Vilanova e o propio Ramon Llull.

 

Citas de Ramon Llull

 
«O home avaro non ten nada»
 

Mensaxes sobre Ramon Llull

 
Ramon Llull foi considerado o artífice do catalán literario.
 

Últimas creacións