Europa e o Mediterráneo
Nápoles
RAMON LLULL EN NÁPOLES
Despois da súa viaxe de 1293 a Tunes, de onde é expulsado, Ramon Llull chega a Nápoles. Alí escribirá Arbre de Ciència (‘Árbore de Ciencia’), unha das súas obras capitais, e, o 13 de xaneiro de 1294, rematará a Taula general (‘Táboa xeral’). Ao mes seguinte predica aos sarracenos da cidade de Lucera, na próxima rexión de Pulla. En maio do mesmo ano discute cos musulmáns presos no castelo dell’Ovo (‘do Ovo’), xunto ao porto napolitano; este mesmo mes viaxa a Barcelona para volver a Nápoles en xullo, agora camiño de Roma.
NÁPOLES, ENTÓN E AGORA
Nápoles é a capital da rexión italiana da Campania e do antigo reino de Nápoles. Cidade costeira, dispón dun gran porto. Fundárona os gregos ao redor do ano 600 a.C., pasando despois a mans dos romanos, os bizantinos, os ostrogodos e os sicilianos. Foi ocupada pola coroa catalano-aragonesa en 1440.
A cidade presenta algúns restos gregos e romanos. A igrexa de Santa Restituta (século IV) conserva mosaicos dos séculos V e VI. O castelo fortaleza do Ovo (dell’Ovo) é do século XII e debe o seu nome a unha lenda segundo a cal foi edificado, no illote de Megaride, sobre un ovo de galiña que soporta toda a estrutura. O castelo Novo (Castel Nuovo) construíuse entre 1279 e 1282 e foi reformado por Alfonso o Magnánimo (1396-1458), rei de Cataluña e Aragón, que lle engadiu un grande arco de triunfo. O castelo Capuano debe a súa construción ao rei Guillermo I de Sicilia (o Malo), que a comezou en 1140. Son de estilo gótico a catedral, a igrexa de Santa María Donnaregina, a de Santa Clara e a cartuxa de San Martino. O carácter monumental do centro histórico de Nápoles valeulle, en 1995, a declaración de Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.