Europa e o Mediterráneo

 

París

RAMON LLULL EN PARÍS

Ramon Llull viaxa polo menos catro veces a París. A primeira estancia prodúcese entre 1287 e 1289, período no cal escribe Félix. A cidade atráelle como meca da sabedoría occidental da época, onde ten a súa sé a universidade máis famosa de Europa. Na abadía de Saint-Denis difunde o seu Art ante o escepticismo dos seus oíntes; entre eles predominan os seguidores do pensamento de Averroes, filósofo e médico andalusí que tivo grande influencia no pensamento medieval latino. Mentres Llull se esforzaba en probar mediante a razón as verdades da fe, os averroístas negaban a necesidade de facelo.

Efectúa outro intento docente en 1295. Acode de novo á capital francesa entre 1297 e 1299, traballando por conseguir o apoio do rei Felipe IV o Fermoso á súa causa e sen deixar de escribir contra o averroísmo. A este período pertencen L’arbre de filosofia d’amor (‘Árbore de filosofía de amor’) e Lo cant de Ramon (‘Canto de Ramón’), dous dos seus libros místicos máis inspirados. A derradeira estancia de Llull en París prodúcese entre novembro de 1309 e setembro de 1311, cando escribe Vita coetanea, considerada unha das autobiografías máis fieis e íntimas da Idade Media europea; foi ditada en latín a un frade da cartuxa de Vauvert (nos actuais xardíns de Luxemburgo) e máis tarde transcrita ao catalán.

Ramon Llull consegue na Sorbona o «maxisterio en artes», equivalente a un doutoramento. Ademais, a súa obra Ars brevis merece, nun documento do 10 de febreiro de 1310, a aprobación de corenta membros da Universidade de París, mestres e bachareis en artes e medicina.

 

PARÍS, ENTÓN E AGORA

París, situada xunto ao Sena, é dende hai séculos, non só a capital de Francia, senón unha das cidades máis importantes de Europa. O corazón histórico da cidade localízase na illa da Cidade (îlle de la Cité), onde se alza a catedral de Notre-Damme. No ano 52 a.C. os romanos arrebataron París aos parisii (galos), e dominaron a cidade ata o 508 d.C., cando pasou a mans dos merovinxios. Durante a Idade Media foi unha das cidades, política e culturalmente falando, máis activas do continente.

O acervo patrimonial de París é enorme; non en balde, en 1991, a UNESCO considerou o núcleo antigo xunto ao Sena Patrimonio da Humanidade. Aquí unicamente destacaremos algúns monumentos relacionados coa Baixa Idade Media. Quedan poucos testemuños de arte románica: parte do campanario e da igrexa de Saint-Germain-des-Prés (séculos X-XII). En canto ao gótico, destacan a igrexa de Saint-Denis (séculos XII-XIII) e a catedral de Notre-Damme, comezada en 1163 e rematada en 1345, coas dúas torres altísimas de case setenta metros de altura; a Sainte-Chapelle, coñecida polas súas vidreiras, é obra do rei Luis IX o Santo e consagrouse en 1248.

 

Citas de Ramon Llull

 
«O home avaro non ten nada»
 

Mensaxes sobre Ramon Llull

 
Ramon Llull naceu en Mallorca tres anos despois da conquista cristiá da illa polo rei catalán Jaime I en 1229.
 

Últimas creacións