Europa e o Mediterráneo

 

Pisa

RAMON LLULL EN PISA

En 1307 Ramon Llull fora expulsado de Bugía (Alxeria) e embarcado rumbo ás costas italianas. Unha forte tempestade provocou o naufraxio do barco fronte á costa de Pisa; Llull, cun compañeiro (probablemente o seu secretario), consegue escapar nunha barca e chegar ao porto de Pisa, onde é moi ben recibido polos seus cidadáns. Despois do contratempo trasládase ao mosteiro cisterciense de San Donnino. Alí remata o Ars generalis et ultima, comezado en Lión. Tamén en Pisa escribe unha Arte máis resumida (o Ars brevis quae est imago Artis generalis) e a Disputatio fidei et intellectus, datada en abril de 1308. Llull propón ás autoridades de Pisa que lle dean o seu apoio para a cruzada que promove, conseguindo do Comune (concello) unicamente recomendacións para visitar a diversos cardeais e ao Papa.

 

PISA, ENTÓN E AGORA

Pisa é a capital da Toscana, en Italia. O porto medieval estaba situado no río Arno, a doce quilómetros da súa desembocadura. Foi unha cidade importante na época romana, sendo conquistada despois por ostrogodos, lombardos e carolinxios. O seu apoxeo marítimo comezou no século XI ao tempo que consolidaba a súa autonomía política respecto do Imperio Xermánico e dos marqueses da Toscana, instituíndose como República autónoma. Durante os séculos XII e XIII tivo poder sobre Sardeña. En 1284 sufriu unha severa derrota por parte de Xénova. Incorporouse a Florencia no 1406, perdendo definitivamente a súa independencia.

Conserva importantes monumentos da Idade Media. A magnífica Piazza do Duomo (‘praza da catedral’) é Patrimonio da Humanidade da UNESCO (1987) e integra a catedral (construída entre 1063 e 1118), de estilo románico pisano, coñecida pola súa torre inclinada, en realidade o campanario exento da catedral; o baptisterio, comezado en 1153 e rematado no século XIV; e o Camposanto, establecido sobre terra de Xerusalén traída polos cruzados. Destacan tamén as igrexas góticas de Santa Catalina e de Santa Maria della Spina, así como as antigas murallas, de orixe romana, que circundaban a cidade.

 

Citas de Ramon Llull

 
«Quen non se ten a si mesmo é moi pobre»
 

Mensaxes sobre Ramon Llull

 
Ramon Llull deixou a súa familia e a vida mundana en 1262 para dedicarse en corpo e alma á conversión dos «infieis».
 

Últimas creacións