Europa e o Mediterráneo
Santiago de Compostela
RAMON LLULL EN SANTIAGO DE COMPOSTELA
Ramon Llull acode en peregrinación a Santiago en 1265. Descoñécese o itinerario que seguiu, pero é probable que, dada a súa vinculación con Montpelier, viaxase a Compostela dende o santuario de Rocamadour seguindo o ramal francés do Camiño de Santiago. En calquera caso, a peregrinación rematou en Barcelona, a onde volvería probablemente polo ramal catalán do Camiño.
SANTIAGO DE COMPOSTELA, ENTÓN E AGORA
Santiago de Compostela, na provincia da Coruña, é a capital da comunidade autónoma de Galicia. Trátase dun importante centro turístico e universitario. A lenda do descubrimento da tumba do apóstolo Santiago no século IX converteuna no punto de peregrinación máis importante da cristiandade despois de Roma e Xerusalén, a través do Camiño de Santiago. Este camiño histórico ten múltiples ramais que conectan Santiago con diferentes puntos da Península Ibérica e do resto de Europa a través de Francia.
A construción da catedral románica de Santiago de Compostela iniciouna, en 1075, o bispo Diego Peláez e continuouna o tamén bispo Diego Xelmírez no século seguinte; as obras rematáronse en 1128. É de grandes dimensións, con cruz latina e tres naves, e constitúe un dos edificios máis importantes do románico europeo. O exterior transformouse totalmente, durante os séculos XVII e XVIII, en estilo barroco. Xunto á catedral consérvase outro edificio románico (séculos XII-XIII): o Pazo de Xelmírez ou ‘Palacio de Gelmírez’. En 1985, a UNESCO declarou o núcleo antigo de Santiago Patrimonio da Humanidade. Na actualidade o Camiño de Santiago é probablemente o destino de peregrinación e sendeirismo máis importante de Europa.