Europa e o Mediterráneo
Viena do Delfinado
RAMON LLULL EN VIENA DO DELFINADO
Esta cidade francesa xunto ao Ródano, ao sur de Lión, acolle un Concilio da Igrexa católica nos anos 1311 e 1312. A el acode Ramon Llull no mes de setembro de 1311, proveniente de París, con oitenta anos de idade. Polo camiño atopa cun clérigo que escoita os seus argumentos e cualifícao de «fantàstic» (‘tolo’ en terminoloxía catalá medieval); a raíz do feito, Llull escribe o Liber phantasticus (propiamente, pois, ‘libro tolo’).
Llull presenta no concilio a proposta Petitio Raymundi in concilio generale ad acquirendam Terra Sancta, na que formula tres propostas: a fundación de tres cátedras para o ensino de linguas orientais aos futuros misioneiros (con sés en Roma, París e Toledo), a instrución de cabaleiros para conquistar Terra Santa e a escritura de libros contra o averroísmo. Llull consegue que o sínodo apoie a primeira das tres, un dos seus ideais máis antigos. Precisamente, neste mesmo concilio que rexeita a proposta de Llull dunha nova cruzada, un decreto papal condena aos templarios: os seus bens quedan requisados e moitos deles son condenados á fogueira (entre os cales se atopa Jacques de Molay, mestre do Templo en Nicosia, anfitrión de Ramon Llull en Chipre dez anos antes).
VIENA DO DELFINADO, ENTÓN E AGORA
Viena do Delfinado (Vienne, en francés) é unha cidade do departamento de Isère, situada na ribeira do Ródano a uns 25 km ao sur de Lión. Durante o Imperio romano Viena (Iulia Vienna) beneficiouse da Via Domitica que seguía o Ródano; foi unha das cidades máis importantes da Galia, competindo con Ligundum (Lión). Foi sé arcebispal a mediados do século V e tamén capital do primeiro reino burgundio (432), do reino de Provenza (879) e do reino de Arle (933), ata que quedou baixo o Sacro Imperio (1032). Nesta cidade celebráronse varios concilios: o do ano 1112 e, sobre todo, o do 1311-12, que condenou aos templarios e no cal participou Ramon Llull.
Conserva diversos monumentos da época romana, como o templo de Augusto e Livia e o teatro, un dos maiores da Galia. Da Idade Media destacan a abadía de Saint-Pierre (séculos V-VI), a abadía de Saint-André-le-Bas (fundada no século VI), a abadía de Saint-André-le-Haut (fundada tamén no século VI), a catedral gótica de Saint-Maurice (séculos XII-XVI) e o castelo da Bâtie (século XIII). O Ministerio de Cultura de Francia clasificou Viena do Delfinado como «Ville d’art et d’histoire».