Europa e o Mediterráneo
Aviñón
RAMON LLULL EN AVIÑÓN
Ramon Llull acode a Aviñón varias veces. Na súa estancia de 1309 busca o soporte do primeiro papa de Aviñón, Clemente V, para a cruzada que proxecta a Terra Santa. Este apoio papal ía ligado a unha boa relación co protector do novo papa de Aviñón, o rei de Francia Felipe IV o Fermoso, que cualificou a Ramon Llull de «vir bonus, justus et catholicus» (‘home bo, xusto e católico’).
AVIÑÓN, ENTÓN E AGORA
Esta cidade da Provenza está situada xunto ao río Ródano, na ruta natural que une París co Mediterráneo. A antiga Avennio dos romanos ocupaba na Idade Media un lugar estratéxico, fortificado, ideal para a comunicación coas cidades da república de Italia; iso favoreceu o comercio e permitiu a formación dunha temperá clase burguesa que acometeu a construción da impresionante ponte románica de Saint-Beneset (século XII); a catedral, románica de estilo provenzal, é tamén do século XII. Dende 1198 Aviñón gozou dun goberno amplamente autónomo e, en 1290, pasou a Carlos de Anjou.
A cidade foi sé papal dende 1309 ata 1377. Esta circunstancia repercutiu favorablemente na economía da cidade. Hoxe aínda pode admirarse o suntuoso palacio gótico dos Papas, de grandes proporcións (15.000 m²), construído en dúas fases: o palacio vello (1334-42), cisterciense e de formas austeras, e o palacio novo (1342-1352), dun gótico máis decorado. En 1995, a UNESCO declarou o centro histórico Patrimonio da Humanidade.