Europa e o Mediterráneo

 

Roma

RAMON LLULL EN ROMA

Ramon Llull viaxa a Roma varias veces. A primeira en 1287, cando acaba de morrer o papa Honorio IV; entón, abandona a cidade pontificia sen esperar a elección do novo papa, que non se producirá ata febreiro do ano seguinte na persoa de Nicolás IV. Volve a Roma en 1290 para propor ao novo papa Nicolás a creación de colexios de linguas e a proclamación dunha primeira cruzada de persuasión e dunha segunda de reconquista polas armas de Terra Santa. En 1291 ou 1292 escribe en Roma o Tractatus de modo convertendi infideles, dirixido ao papa Nicolás.

En 1294 Llull acode a Roma, proveniente de Barcelona vía Nápoles, para entrevistarse co seguinte papa, Celestino V, quen renuncia ao cargo en decembro do mesmo ano. En 1296, tamén está en Roma escribindo o Llibre dels articles (‘Libro dos artigos’) e o Llibre d’ànima racional (‘Libro da alma racional’), xa durante o papado de Bonifacio VIII. Probablemente volve á Cidade Eterna entre 1297 e 1299 (anos durante os cales reside fundamentalmente en París) para conseguir o apoio do papa Bonifacio para os seus proxectos; durante esta estancia romana escribe os Proverbis de Ramon (‘Proverbios de Ramón’). 

 

ROMA, ENTÓN E AGORA

Roma é a capital de Italia e do Lacio. Está situada xunto ao río Tíber, a uns 22 km do mar. Segundo a lenda, foi fundada no ano 753 a.C., unha data confirmada polos achados arqueolóxicos. Roma protagonizou unha expansión sen precedentes, constituíndose na capital dun Imperio que chegou a dominar todo o Mediterráneo durante séculos. Cando os emperadores adoptaron a relixión católica, a Igrexa estableceu en Roma a sé papal. De modo que, despois da caída do Imperio de Occidente, Roma pasou de capital política a capital relixiosa do mundo católico, unha capitalidade que, non obstante, se desprazou a Aviñón entre 1309 e 1377.

Roma é probablemente a cidade de Europa con maior cantidade de monumentos por quilómetro cadrado; a UNESCO declarou o seu centro antigo Patrimonio da Humanidade (1980), sumándose dez anos máis tarde os bens do Vaticano. Da época romana conserváronse o Capitolio, o Coliseo, o Foro, o Panteón, diversas termas e arcos de triunfo, e moitos outros restos que son testemuño da gran gloria da antiga Roma. Entre os bens de orixe paleocristiá destacan as basílicas de San Pedro do Vaticano, San Xoan de Letrán, San Pablo Extramuros, Santa María a Maior e Santa Sabina, así como as catacumbas. Da Roma medieval cabe citar as igrexas de Santa María in Trastevere (1130-1143) e de Santa María sopra Minerva (considerada a única igrexa gótica de Roma).

 

Citas de Ramon Llull

 
«A túa alma posúe maior riqueza que o teu corpo»
 

Mensaxes sobre Ramon Llull

 
Ramon Llull deixou a súa familia e a vida mundana en 1262 para dedicarse en corpo e alma á conversión dos «infieis».
 

Últimas creacións